Coordinadora de Crentes Galegas (Coordination of Galician Believes) ) is a member group of Redes Cristianas.  The article is written  in Galician.  (the @ sign is a Spanish abbreviation when writing about/ to women & men. 

Coordinadora de Crentes Galegas (Coordinateur de Croyant.e.s Galicien.ne.s)  s'agit d'un groupe membre de Redes Cristianas.  (l'arrobas est un symbole espagnol pour dénoter femmes et hommes)

Translations to follow!  Traductions à suivre!

 

SE SEGUIMOS ASÍ... CAEMOS!

DOCUMENTO DA PAZ 2016

O Documento da Paz, que cada ano redactamos a Coordinadora de Crentes que aglutina a diferentes Comunidades Cristiás de Base de Galicia, queremos que sexa, neste 2016, un berro doloroso e terrible; humilde pola nosa banda, nacido do noso amor á xente e á vida, sinxelo, e firme, que sinale o risco global que estamos a vivir: “Se seguimos así, CAEMOS!”.

1ª Parte: VAS CAER!

A frase do título probablemente ten para moitas persoas recordos familiares de advertencia: “baixa de aí, sal de aí... vas caer!”, téñennos dito.

Hoxe as cousas non pintan ben para moitas persoas e o sufrimento da maioría golpéanos. Ademais sentímonos moi preto doutros grupos que fan o mesmo diagnóstico ca nós. Participamos con eles e enriquecémonos cos seus datos e análises.

As persoas que posúen o don da profecía intúen e auguran (en contra da maioría da poboación) un futuro terrible que non lles gusta, pero que non teñen máis remedio que anunciar. Non din palabras bonitas, din palabras de maldición (“din mal”) pero necesarias. Tamén é certo que, debido precisamente a escoitalas, é posible, aínda que difícil e doloroso, que ao tomalas en consideración se poida aínda mudar o rumbo. Xesús de Nazaret tamén sentiu e expresou a dor de ter que anunciar as consecuencias destrutoras dun modo de estar no mundo afastado do proxecto que Deus soñara.

Unha inmensa maioría de persoas viven inconscientes ou narcotizadas, tal vez desinteresadas, respecto ao que chamamos o futuro da humanidade e de toda a biosfera. Case tódolos medios de comunicación miran para outro lado e fomentan o individualismo; transmiten imaxes dolorosas, pero sen fomentar que a xente se pregunte polas causas delas, incitando a un “éche o que hai”, “quen veña detrás, que arree”.

A economía capitalista e o sistema dominante medra a costa da destrución do que necesitamos para vivir. E isto acontece tanto no “medio natural” como no “medio social”. A depredación do “medio social” (da convivencia) e do “medio natural”, forma parte duns valores e dun modo de vida que se viñeron impoñendo e permanecen en nós. Imos cara ao desencontro, á explotación, á violencia e ao distanciamento co medio e coas persoas.

 

Pero o medio natural non nos pertence, nin está separado de nós. Os seres humanos somos parte del, como unha especie diferente que convive con outras nun mesmo espazo. Medio natural e medio social están profundamente interrelacionados, e comprendidos nun sistema máis amplo: o cosmos.

O enriquecemento a calquera prezo, a guerra, o racismo, o xenocidio, o sexismo e a depredación do planeta, son caras da mesma moeda, que nos están levando ao desastre colectivo se non mudamos o rumbo.


2ª Parte: A CRÍTICA REALIDADE

Non fai falta buscar moito nin ir moi lonxe para atopar exemplos concretos desta situación tan crítica:

A POBREZA

É un feito constatado que o sistema económico neoliberal actual, agranda as diferenzas nas condicións de vida das persoas (a xente rica cada vez máis rica e a xente pobre cada vez máis pobre).

Non só non se cumpriu o acordado polos gobernos dos países europeos de reducir a pobreza existente en 20 millóns. Senón que se incrementou. Así mesmo 123 millóns de persoas na actualidade atópanse en risco de pobreza severa.

É necesario diante desta realidade preguntarnos cales son hoxe as persoas que se atopan máis afectadas pola situación de pobreza, e a partir de aquí, non podemos mirar para outro lado, necesitamos coñecer a dura realidade na que se atopan.

As persoas máis afectadas pola pobreza no noso país, segundo o estudo realizado por Cáritas no presente ano son: as persoas desempregadas de longa duración; as persoas traballadoras pobres, é dicir aquelas que teñen un traballo precario que non lles proporciona uns ingresos suficientes para vivir dignamente; as persoas que forman parte de familias monoparentais; a pobreza infantil, que alcanza en Europa o 28% e as persoas inmigrantes e refuxiadas.

Outra pregunta que nos pode acercar máis á realidade da pobreza no mundo hoxe é, que carencias materiais padecen estas persoas pobres. Segundo o mesmo estudo de Cáritas, son as seguintes: .
Non poden permitirse unha comida, a lo menos unha vez o día.
Non poden manter o pago do aluguer ou a hipoteca da vivenda.
Non teñen capacidade económica para afrontar os gastos que comporta a vivenda como poden ser o recibo da luz, da auga, da comunidade, etc.

Todo o anterior é posible polas malas prácticas concretas e cotiás no ámbito económico; pola práctica bancaria que explota as fracas economías familiares e se desentende da situación crítica de tantos clientes; pola falta dun sistema financeiro, especialmente público, que teña en conta a situación económica real das familias e dos cidadáns en xeral; pola devaluación salarial, como forma dunha falsa reactivación económica; pola desigualdade na tributación; pola corrupción tan frecuente; pola “liberdade” dos políticos para asegurarse soldos elevados e privilexiados, sen ter en conta a situación de tantos parados e de tantas vítimas da precariedade; pola duplicidade de cargos e institucións que non buscan tanto o servizo á cidadanía como o lucro persoal e corporativo; e pola non regulación dos dereitos e convenios laborais.

A VIOLENCIA

Tamén é un feito constatable que, ao igual que se incrementou a pobreza, dun xeito case paralelo tamén se incrementou a violencia no mundo. A loita pola riqueza e o poder xera violencia.

Os grupos que teñen o poder económico, teñen tamén o poder político e o poder ideolóxico e, polo tanto, reteñen os medios de produción, de consumo e de represión para utilizalos en beneficio propio e para frear aos que reclaman dun xeito xusto un mellor reparto da riqueza no mundo.

Tamén se apropian dos medios de comunicación cos que se encargan de presentarnos unha realidade idílica por un lado pero, ao mesmo tempo, todo tipo de violencia que se dá no mundo para manternos atemorizados e submisos.

Este sistema neoliberal deshumanizador só se pode manter a base da violencia:
Violencia entre persoas, violencia de xénero, violencia machista, violencia e competividade no traballo, violencia social... (delincuencia, droga,...)
Violencia entre países, guerras pola enerxía, polas materias primas, por conseguir o poder (económico, político, relixioso, ideolóxico, etc.)
Violencia contra da natureza, contaminación, cambio climático, destrución do planeta (terremotos, furacáns, sunamis, incendios, inundacións, etc.)

A S DESIGUALDADES

Despois de dúas décadas, podemos constatar que a tan traída e levada Globalización só ten servido para coñecer con crueza e rapidez as grandes e graves desigualdades que se dan no noso globo terráqueo, no noso mundo. Para coñecer de primeira man como as grandes empresas multinacionais dos países desenvolvidos (Norte) se enriquecen esquilmando a riqueza dos países subdesenvolvidos (Sur). Para constatar que estes grupos financeiros teñen moitas máis facilidades para incrementar as desigualdades, conseguindo unha maior produción cunha man de obra máis barata, así como para impoñer as políticas que lles poden ser máis favorables para o seu enriquecemento.

Este reparto inxusto da riqueza causa a morte, a marxinación e a pobreza de millóns e millóns de persoas, que teñen que emigrar e refuxiarse en países que precisamente os teñen posto nesa situación extrema e, por riba, son tratados como apestados, como invasores, como intrusos, sendo privados da liberdade en CIEs, auténticos campos de concentración de refuxiados; orixina a perversión cultural de considerar aos outros como rivais, inimigos e non telos como persoas, compañeiros, amigos; crea a actitude resignada e pasiva por unha sociedade de consumo, na que falta sentido crítico sendo meros espectadores dun mundo onde a corrupción, a violencia, a loita polo poder, xera millóns de persoas sen medios para subsistir, sen dereitos para poder defenderse destas agresións, sen terra, sen traballo para vivir dignamente; e confiar soamente no éxito persoal-social e non nunha vida solidaria e comprometida cos demais.

É necesario rebelarnos contra os que queren un mundo no que prima o diñeiro, a riqueza , os beneficios e o poder, por riba da dignidade das persoas. Un mundo así está abocado ao fracaso, á decadencia e ao exterminio.


3ª Parte: PERO, A PESAR DE TODO, SEGUIMOS EN MARCHA

Sendo conscientes desta situación, descubrimos tamén nela certos signos de esperanza que nos animan a continuar. Destacamos aquí algúns:
1º) A realidade non se pode esconder
As informacións sobre as realidades do noso mundo, case sempre manipuladas nos grandes medios de comunicación, chegan hoxe a todas e todos nós, que ademais a través das novas tecnoloxías da comunicación, e das vellas, somos capaces de xerar e atopar fontes alternativas para coñecer de verdade as realidades máis afastadas ou achegadas. En todo caso, SABEMOS, cantas persoas morreron este ano no Mediterráneo, ou cantas persoas hai en situación de pobreza no estado español, ou cantas hai en situación de pobreza severa. Existe, como quizais nunca na historia da humanidade, unha conciencia clara de vivir nunha realidade inxusta a nivel local, estatal ou internacional.
2º) Da dura derrota política á imprescindible vitoria social e cidadá
As expectativas xeradas polo movemento 15 M, ou iniciativas similares como as Marchas da Dignidade e outros movementos sociais significativos en Galicia, como Galiza non se vende, por exemplo, provocaron unha ambición moi sa por certo, de tentar a toma do poder para cambiar dende a política as realidades sociais. De feito, conseguíronse pasos importantes neste sentido aquí en Galicia cando as mareas municipalistas tomaron o poder nas tres cidades da provincia de A Coruña. Esa loita política derivou cara as formacións políticas e institucións a persoas militantes de moi diferentes movementos e iniciativas sociais. Dalgún xeito descabezou ou diminuíu a capacidade de loita na rúa que paradoxalmente fora a que xerara as expectativas da toma de poder. Finalmente, derrotados aquí e alá, parece previsible unha volta á rúa e á realidade cotiá dos problemas das persoas que peor o están a pasar no noso Mundo e noutros mundos, dese grupo amplo de persoas, que pasaran dos movementos sociais á actividade política. Moitas veces botámolos de menos nestes últimos tempos e seguramente agora voltarán con nós para tentar de novo dende a realidade, dende as prazas, continuar a loita polo cambio.
3º) Co tempo sempre a favor
Un dos numerosos estudos e análises que se produciron durante o longo período electoral que vivimos no ano 2016, indicaba que Podemos e as súas “chamadas” confluencias terían gañado as eleccións se só votaran as persoas menores de 45 anos. Efectivamente as persoas máis novas son sempre outro grande signo de esperanza, porque nutriron ademais eses movementos sociais que querían chegar á “Terra Prometida”. Non se trata, por suposto, de eliminar aos máis maiores (entre os que nós temos por certo a inmensa maioría da nosa militancia), pero si de pensar que esas persoas novas, serán persoas maiores distintas ás actuais, máis militantes e máis concienciadas. Quererán/quixeron facer as “cousas” doutra forma, pero diso se trata. Logo seguiremos nós, os sindicatos, os partidos de esquerda que deben reformularse, e tantos outros e outras. Ou sexa que sempre haberá forzas para cambiar as duras realidades que vivimos e coñecemos cada día.
4º) Cos movementos sociais “reforzados” ou, polo menos, “sobreviventes”
A consolidación, sobre todo entre as persoas novas das que acabamos de falar, de que é preciso unha militancia socio-política para tentar cambiar as realidades, é tamén un importante signo de esperanza. Citamos antes ás Marchas da Dignidade, nas que participamos moitas de nós, pero tamén Stop Desafiuzamentos, entre outros, supoñen unha nova estrutura organizativa moito máis igualitaria e participativa que a que se dá na maioría das ONGs; e sobre todo unha percepción global da realidade que esixe respostas de tipo global, que vaian máis alá de accións asistenciais concretas. Por dicilo de forma clara, os movementos sociais amplos que presentan e denuncian situacións estruturais que hai que cambiar e para quen non valen “parches” solidarios , gañan forza fronte a entidades sociais ou ONGs excesivamente vencelladas e dependentes do sistema, cando non cómplices do mesmo. Xa SABEMOS que non vale o asistencialismo, aínda que teña tan boa prensa en certos ambientes, que o camiño segue a ser tentar mudar de forma fonda as realidades do noso mundo, SABEMOS que coma sempre o camiño non é doado, pero non hai outro polo menos para nós.
Dende a nosa fe en Xesús de Nazaret, as persoas cristiás, estamos chamadas a traballar con esperanza por esta xustiza universal como fundamento da Paz, esa Paz que nace da xustiza e o respecto á dignidade de tódalas persoas e que confía sempre en que o mellor está por chegar.
Coordinadora de Crentes Galeg@s